triptico

A CRUZ DA MOCIDADE

A cruz de Cristo! Levádea polo mundo como sinal do amor do Señor Jesús á humanidade e anunciade a todos que só en Cristo, morto e resucitado hai salvación e redención". San Juan Paulo II, en Roma, o 22 de abril de 1984, entregou unha cruz de madeira (semellante a esta) á mocidade do mundo.

Cada ser humano é experto en levar a cruz de cada día. Os días ensínanos a arte da cruz. Hai cruces angustiosas, cheas de atrancos e trabas, hainas pandas como para recostarse porque non hai máis remedio que abrazarse ela con agarimo, hainas pequenas e grandes, pesadas e liviás... Hai cruces que son signos; toda cruz é un signo.

Hoxe quero mostrarche unha cruz que precisa ser vista. Está na parroquia de María Auxiliadora de Vigo, con ocasión da novena da Nai que sempre tivo, ten e terá corazón para a mocidade. Unha cruz que quere anunciar a todos, especialmente aos mozos a Boa Noticia de Xesús... Porque esta cruz non é un camiño de morte, senón unha chamada á plenitude da vida. Esta cruz é "a cruz da eterna mocidade".

"Vive Cristo, esperanza nosa, e el é a máis fermosa mocidade deste mundo. Todo o que el toca tórnase novo, faise novo, énchese de vida... ¡El vive e quérete vivo!". (Christus vivit, 1).

Non estamos tolos cando nos asimos á cruz. Estamos cravando a vida sobre o féretro da morte. E a mocidade é vida, o agasallo do que nos trouxo a vida para sempre. Esta é unha cruz ancha e alta, profunda e elevada. A ela pódense agarrar todos os mozos, aqueles que, abertos á vida, queren vivir para sempre e teñen arelas de eterna mocidade: "Eu fago novas todas as cousas" (Ap 21,5).

Ti que andas a cegas buscando a vida, dáche unha volta para poder ver no seu lugar a cruz, símbolo da túa propia actitude vital e a cruz de tantos colegas que camiñan pola vida como poden. "Ser santo non é ser unha fotocopia. Chegar a ser santo é chegar a ser máis plenamente ti mesmo" (Christus vivit, 162).

Cando o papa Francisco escribía isto, estaba pensando en ti, habitante do mundo, quen queira que sexas.
A cruz que se expón na parroquia de María Auxiliadora é "a cruz da mocidade". Para lembrar: "Só en Cristo, morto e resucitado hai salvación e redención".

Isidro Lozano